Páxinas

2009/12/21

París contigo


"¿Cuál es el mejor mes para visitar París?
El mejor mes es en el que tú vengas."

Mentres marchas sinto que a idea de te ir ver á cidade do amor xa se converteu nunha necesidade.
Agardar á primavera paréceme excesivo, renego do xogo de me facer a difícil, decembro ha de ser un magnífico mes para coñecer a cidade dos tellados e te atopar alí. Onde terei metido eu os libros de francés da escola de idiomas? Unha semana non é que dea para moito pero sequera repasar o básico. Almorzaremos, iremos vela xuntos e logo deixareite á túa vida mentres eu fago de turista e devoro museos, rúas e unhas cantas tendas monas parisienses. Recollerasme á saída do Orsay?

2009/12/18

Borrador


54 entradas en fase borrador (a máis antiga agarda ver a luz desde 2006).

Tipoloxía:
- Unhas son son como tempos a medio vivir, algo houbo pero no seu momento non foi o suficientemente intenso ou apremante como para facer agromar un post do meu gusto.
- Outras son o resultado dunha aplicación da autocensura no último momento, que tampouco unha o vai ir contado todo por aí.
- Bastantes son entregas pendentes da campaña de animación á lectura, pero claro, hai xa tantas campañas de animación á lectura!
- Algunhas falan de filmes que xa nin lembro.
- Tres, que teñen xa moito tempo, van do pequeno/minúsculo/ínfimo blogomillo.
- Varias falan delas e deles.
- Un par delas poden chegar a ser boas ideas.
- E algunha, fala de ti en silencio.

2009/12/06

Hoxe tiven un pesadelo

Hoxe tiven un pesadelo e por causa miña morrías. Unha broma en cuestións de segundos tranformábase en traxedia. Espertei berrando, berrei aínda xa esperta. Ti seguías a durmir coma un anxiño. Deiche bicos. Despois espertaches, chorei e riches.
Dúas horas, blogomillo e un nesquik quente con mini cruasáns despois, aínda non se me pasa.


2009/11/30

Viaxes

[Fotografía de Anton Postnikov]

Metera toda a roupa ben arrombada na maleta e comezara a vestirme. Aínda quedaba media hora para marchar, pero o caer da saia polas pernas abaixo fixo que comezase a viaxe pola miña conta. Sen te agardar.

Agárdame ti cando tarde demasiado en baixar no ascensor.

2009/11/24

Un tango

Segunda década do século XX. Valentino e Nijinsky bailan un tango sós nun salón etiqueteiro de Nova York.

Valentino [Ven ao meu terreo. Has ver o que é o tango.]
Nijinsky [Vexamos a arte do teu tango desclasado.]
Valentino [Así, segue os meus pasos lixeiro.]
Nijinsky [Ata vai resultar divertido.]
Valentino [Así, acariña o piso canda min e recúa.]
Nijinsky [Balanceémonos como a agulla do metrónomo.]
Valentino [Permanece quedo aí, marcando o paso, sen présa.]
Nijinsky [Sígote como a túa sombra.]
Valentino [E agora déixate caer livián.]
Nijinsky [Xiremos, xiremos, xiremos...]
Valentino [Voa, voa...]

Aparecen as súas donas e o baile remata sen teren pronunciado unha palabra. Non se han volver a ver nunca.

2009/11/17

A gata sobre o tellado de cinc

No soto, rodeados de cousas mercadas nunha viaxe a Europa.

- Por que deixaches que mamá mercase todas estas cousas?

- O animal humano é unha besta que algún día ten que morrer e se ten cartos todo se lle volve mercar, mercar e mercar. A razón de que compre todo o que poida só obedece á absurda esperanza de que algo do que compra ha de durar eternamente, e iso é imposible.

(Por máis que se queira non se pode forzar o que un non sente.)

Clasificación selvática: 9 (Para lembrar, para volver a ver, para gozar diante da pantalla)

2009/11/15

Actualización 9.11

No último mes e medio o abandono da Selva é evidente, e a cousa xa viña de antes. Neste período só dúas entradas feitas truncadas por Blogger no momento da súa publicación que me fixeron renegar de todo. Si, xa sei, son das que aínda non aprenderon que as entradas primeiro se fan no ordenador e logo se soben, que se lle vai facer!
A vida fóra da Selva corre vertixinosa e novos proxectos, quizais máis dos que poida asumir, fagocitan todas as miñas forzas pero é que me encantan e non sei dicir que non. Necesitaría unha temporada de repouso e Selva retirada do mundanal ruído e da superabsorvente Rede, quizais despois do Nadal.
É como se de súpeto estes corenta, ah claro, que aínda non o dixen, desde hai uns meses abandonei definitivamente a miña condición de chica de trinta e tantos e pasei á de muller corentona. Ao que ía, é como se de súpeto estes corenta me fixesen ver que hai moitísimo por facer e pouco tempo. Si, é unha mala aposta, pero aínda que teña unha mala man neste momento non podo parar a partida.
Vou ver se aínda conseguise durmir un chisco máis.

2009/10/01

Acórdaste?

[Imaxe tomada de Que queres que che conte]

Xente nova amoreada fronte ao escenario da Olympus. El agharrouna e díxolle:

- Acórdaste?

Ela dixo:

- Se houbese de que...

E el retrucou:

- Pois arrimate aquí que che fagho memoria.

2009/09/28

O caso Polanski e a dobre moral

Polanski foi acusado de violación a unha menor tras uso de drogas, perversión e sodomía. Tras unha negociación co fiscal Polanski recoñeceu a súa culpabilidade dun cargo menor, o de ter relacións sexuais ilícitas cunha menor. Grazas a isto foi condenado en primeiro lugar a un período de reclusión de 90 días para lle realizar unha análise psiquiátrica que axudase ao xuíz a que determinase a sentenza final. Nese período concédeselle un permiso e foxe do país. Anos despois a agredida retira os cargos. Cambia iso os feitos?

Sempre e cando se respecte a legalidade estarei pola busca internacional de todos aqueles que cometen calquera tipo de delicto porque creo firmemente no proxecto dunha xustiza planetaria que non dea acubillo a quen non o merece.

Como persoa e maiormente como muller alégrome da detención de Polanski e condeno esa dobre moral que se lle está a aplicar a este caso polo feito de ser o agresor un persoeiro do mundo do cine e non vén a conto ese corporativismo mal entendido. Xa deberiamos ter superado cuestións tan básicas como esta de saber que a obra destacada dunha persoa non a libera das responsabilidades cívicas comúns a todos nós.

2009/08/08

De 45760 formas diferentes

Teimas en manuscribir o meu corpo con Mallarmé (Eu non veño esta noite para vencer o teu corpo), por moito que che diga de 45760 formas diferentes que:
[Imaxe de X. Clica para ver en grande.]

2009/08/01

2009/07/13

Diversión contra a chuvia

Pois si, chove, e non é que me importe demasiado, e mesmo agradezo un día de poalla constante.
Debido a unha reclamación, desta volta traio un moderno modelo de paraugas- pistola de auga de Alex Woolley que pode resultar moi divertido para xogar, e desde logo clásico non é.

2009/06/14

Refresco


Que pracer comezar cos pés a crear tempestades de frescura na bañeira.
E logo aumentar o contacto ata introducirte toda no cadaleito branco.
E finalmente meter a cabeza e escoitar os sons distorsionados baixo a auga querendo experimentar aquilo que foi nun principio.
E abrir os ollos, e ver como se achega a túa figura deformada e asombra todo.
Percibir a túa repercusión no líquido quedo. E abrir.

2009/06/05

Resistencia


Seguindo os consellos cinematográficos de Larvós, vexo Resistencia. Agradézollo, gustoume. Aínda que o cine bélico non é precisamente o meu favorito, vou facer unha excepción.


Craig cae no heroe prototípico, pero para que nos imos enganar, o home ben o vale.


Liev Schreiber, aínda que aparece tras do outro no cartel do filme, resulta máis crible e a personaxe que interpreta moito máis interesante.

Delas non vou falar, porque pasan pola peli como floreiros e o final non me gustou moito pero manterei o segredo para non fastidiala.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

2009/06/01

A Selva cumpre 3 anos

[Fotografía de Alva Bernadine]

A Selva cumpre os tres anos, si, xa non é un bebé, e está preparada para ingresar en Primaria.
Con esta idade medra o interese e entusiasmo por tocar instrumentos como a pandeireta, o tambor... ben, gustar sempre lle gustou tocar instrumentos.
A esta altura a axilidade é tremenda e ao mellor mesmo recupera o ritmo de publicación.
E algunhas investigacións, que non todas ehhh, afirman que é un bo momento para que se inicie no ordenador, sempre hai cachibaches novos que probar.
E se se trata de probar iníciase a etapa fálica (neste caso vaxínica, non?), esa tan estupenda en que aprenderá a se proporcionar pracer de forma deliberada, aínda que desde o primeiro post a Selva sempre foi froito do ancestral pracer de botar fóra e dar con ollos que a len.
E, sobre todas as cousas, vai ser agora cando ademais de borranchos comece a facer debuxos figurativos ata o glorioso día en que por primeira vez consiga escribir o seu nome
AAA SSSSSSSSSSELLLLLLLLLLLLVA uffffff DE ESMMMMMEEEEE uffffff ESMEEEEEE ufffffff ESMMMMMMMEEEEELLLLLLLEE

2009/05/26

Cine 2009 (xaneiro-maio)

Amarga victoria (1939) - 9
American History X (1998) - 9
La solterona (1939) - 9

Anna Karenina (1935) - 8
El curioso caso de Bejamin Button (2008) - 8
Jezabel (1938) - 8
La heredera (1949) - 8
La ola (2008) - 8
Revolutionary Road (2008) - 8

Breve encuentro (1945) - 7
Camino (2008) - 7
Canción de cuna para un cadáver (1964) - 7
Cantando bajo la lluvia (1952) - 7
El desafío Frost contra Nixon (2008) - 7
Las dos caras de la verdad (1995) - 7
La última nota (2006) - 7
Otros días vendrán (2005) - 7
Sin control (2005) - 7
Un gángster para un milagro (1961) - 7
Un plan brillante (2007) - 7


Animales de compañía (2008) - 6
Fuera de carta (2008) - 6
La duda (2008) - 6
Leones por corderos (2007) - 6
Retratos de soledad (2007) - 6

Amelie (2001) - 5
Barcelona. Un mapa (2007) - 5
La gran estafa (2006) - 5
The last kiss (2006) - 5

Un día perfecto (2006) - 4

Cuando ella me encontró (2007) - 3

Cateto a babor (1970) - 2
Las brujas de Eastwick (1987) - 2

Lola, la película (2007) - 1
Sucedió en Manhattan (2002) - 1
Superdetective en Hollywood 3 (1994) - 1


Lenda: 1 (Antes morta que volver a vela) - 2 (Sinxelamente insoportable) - 3 (Mala) - 4 (Como aburrise diante dunha pantalla) - 5 (Non ocupar nin unha neurona lembrándoa) - 6 (Veña, si, por haches, por bes ou por cetas, si) - 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine) - 8 (Tes que vela) - 9 (Para lembrar, para volver a ver, para gozar diante da pantalla) - 10 (Podería volver a vela mil veces. Esta é das miñas).

2009/05/17

Día das Letras Galegas 2009

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.

(Vémonos en Compostela)

2009/05/08

De hoxe non pasa


De hoxe non pasa que abra as ventás e airee un pouco a Selva. Ás veces a vida vai lenta, tan lenta que un non percibe se hoxe aínda está nun onte que se fai o remolón. Mais estas semanas son más ben vertixinosas, acumúlanse as cousas pendentes, pendulo entre praceres e obrigas, déixome levar e logo non me chega o día a nada, nin o día nin a semana me chegan a nada. Teño unha permanente sensación de estar en débeda con todo o mundo, cos amigos, coa familia, comigo mesma... como se tivese con eles unha débeda histórica de anacos do meu tempo que non acabo de saldar.
E agora desculpen, pero teño que seguir ordenando este caos de mesa, si, non lles hai mellor técnica para matar os remordementos de non facer o que un tería que estar facendo que poñerse a ordenar a mesa.

2009/04/24

Campaña de animación á lectura 62

[Fotografía de Nicola Ranaldi]

Supoño que cando se fala do pracer da lectura tamén se inclúen esoutros praceres en que de cando en vez derivan as palabras alleas.

2009/04/23

Acumúlanse os mortos nas fotos


Pasa a vida. Pasoulle a vida. Pásame a vida. Nótoo. Anúncianmo os mortos. Multiplícanse. Acumúlanse os mortos nas fotos.

Que bonito cando eramos todos!
Cando fomos todos?
Creo que na voda de N.
Non, alí non, na voda de N. xa estaba de loito M. E polo bautizo do meu primo M.?
Non, non, non lembras a foto da túa tía embarazada de loito? Que peniña daba vela, tan nova, embarazada e de loito polo irmán, con aquel vestido de alivio negro coas florciñas brancas. Iso fora un atraso, non me digas, por moito que se lle meta no corno a teus pais. O do loito xa daquela estaba pasado de moda, pero teus avós turraron e turraron e ala, as tres fillas de loito. Ti sempre te pareciches moito a N. xa o dicía todo o mundo cando íades no autobús.
Pois pola miña comuñón xa...
Si, na túa comuñón xa... Espera, xa sei, na voda de teus pais, alí estabamos todos na foto.
Pero si eu non nacera!
Pois filliña, non che sei.
Eu si, nun nadal, cando viñeran meus pais de Suíza, na casa dos avós, espera que bote contas, tería eu cinco anos, en 1974, xusto.
Si, filla, si, tes razón, daquela estivemos todos. Pero non hai foto, non?
Non, non hai foto.

2009/04/03

APV

[Fotografía de X]

"Terrible en fin é teu poder, oh Morte,
pois diante de ti reis, e señores
son néboa, sombra, po, son vento e fume."
Pedro Vázquez de Neira (1612)

2009/03/26

A vista

...
Si.
...
Si, claro, gústame mirarte.
...
Non preguntaras.
...
Si, cando agardas.
...
Ou non. Paréceche mal?
...
Intuíao.
...
Si, claro, volverei a facelo.

2009/03/18

De ovos e fariña

Ía o venres camiño do súper polo recuncho entre as montañas e despois de varios centos de metros decateime de que levaba un bo anaco esquivando cascas de ovo e algún paquete de fariña. Si, as tradicións están moi ben pero estragar ovos desa maneira parece unha soberbia desas que anoxan ferozmente aos deuses do Olimpo, os froitos da terra tratados desa maneira...

Estaba Demeter sentada contemplando o solpor desde un deses cumes que se ven entre os edificios cando viu a desfeita polas rúas.
Anoxada mandoulle un sms a Zeus para que viñese decontado, o deus dos deuses estaba fóra de cobertura.
Demeter colérica chamou a Hera para ver se estaba con ela.
- ola, ond andas?
- tou n xulghado, n1 voda xlo civil, k krs?
- anda o zus kontigo?
- non, non tño nin idea de ond s mteu, andach moi raro, agora o tio pons fora de kobrtura e os d+ a sprar. xa ll val. sguro k anda kon outra x ai, paso dl. k krias?
- Stou suprkabrada
- e lg? k ch pasou?
- os do kurruncho andan a tirar comida polas rúas
- Jodr, komo s pasan. Dillo a Zus e k lls mand unha morea de raios.
- Xa o chamei, sta fora d kobrtura, x fin, aí ven Zus, deixot, xa ch direi, bks
- deik
E chegou Zeus onda Demeter para ver que lle quería:
- Ond t mtichs? Levo aki 4 horas sprandot!
- Oes, k tño + kousas facr. Ad+ apura k tño prsa, k xa stou ata os kollons de tantos duss paki e pali todo o puñtiro dia.
- Val, non t moskees, mira k os do rekuncho levan todo o dia tirando komida polas ruas.
- E k krs k ll faga?
- jodr, pois s ti non fas nada non sei kn o vai facr. Non sei, mandalls unha boa trboada, dsas das túas k kdn sn ntroido.
E quixo Cloto que por alí pasase naquel momento Dionisio.
- Hom Dioni, vas d ida ou ainda vs d volta da d ont?
- cala hom, cala, k vou malismo, k ont m mtron d garrafon e tño k ir polo supr a x acuarius k non aguanto do stomago
- Pois s vas polo supr vai con ollo k tñn todo feito 1 mrda, staballo kontando aki ao Zus para k lls nvie 1 trbon e os deix sn ntroido
- tia ti alucinas, komo imos kdar sn ntroido! non ves k dspois vn a puta korsma.

E, entre unhas cousas e outras, ao final, non comprei a fariña para as orellas.

2009/03/14

Campaña de animación á lectura 61

Dos feitos futuros

[Fotografía de Peter Rossi.]

"Dos feitos futuros os sabios captan
aqueles que se achegan. Os seus oídos
ás veces en horas de fonda meditación se
inquedan. O misterioso murmurio
chégalles dos acontecementos que se aproximan.
E atenden a el piadosos. Mentres na rúa
fóra, nada escoitan os pobos."
K. KAVAFIS (fragmento)

2009/03/08

Entullo

Seino, imponse unha entrada.
Afortunadamente non teño responsabilidades políticas e non se me esixe un titular inmediato inexistente.
E penso, e non sae nada, realmente aínda non teño nada construtivo que poida dicir.

2009/02/19

Vento de aire fresco


De súpeto, un día calquera recibes unha visita musical e logo descobres a media tarde que marchou o inverno e que o tren os xoves non pasa. O mundo xira.

2009/02/09

GÚSTANNOS OS NEOFALANTES DO GALEGO

e as NEOFALANTAS tamén :)


Pois si, ademais de entrar no asunto, collinlle gusto e montei un grupo.
Todo comezou cando vin en Vieiros un dedo inquisitorial acusando a unha muller de NEOFALANTE. Todo iría ben se ese dedo apuntase a ela como modelo que se debería seguir para a normalización da nosa lingua, mais non, o que pretendía era denunciar o cambio lingüístico para o galego.
O caso é que o dedo unido a unha ferramenta de Facebook que che permite crear grupos deu en GÚSTANNOS OS NEOFALANTES DO GALEGO. As persoas pertencentes a este grupo declaramos que nos gustan os neofalantes, e comprometémonos a acoller con espírito fraternal a calquera que se queira animar a usar a nosa lingua. Creeino o 4 de febreiro de 2009, e cinco días despois xa conta con 187 persoas.
Agora hai aberta unha discusión iniciada por unha suxestión de Olga Patiño sobre canto se pode considerar que dura a condición de neofalante.
Convido desde a Selva a cantos por aquí paseades a formar parte desta iniciativa que agora comeza.

Os meus 3 primeiros pasos no mundo Facebook

Si, abrín conta no Facebook.
1º PASO: Nesta colectividade paralela podes atopar a boa parte do blogomillo e sorprenderte moito ao ver que te coñecen persoas das que ti ignorabas a súa existencia.
2º PASO: As reaccións:
1) Xa me tardaba vela por aquí.
2) Por fin chegas.
3) Xa sabía eu que ía picar no fedello este.
etc.
3º PASO: Isto fomenta o cotilleo, quen é amigo de quen, quen está en que grupos, etc.

Playing for change


Playing For Change: Song Around the World | Stand By Me from Concord Music Group on Vimeo.

2009/01/25

5000 anos

Fai 5000 anos en Mantova quixemos morrer nunha aperta eterna. Quizais foi unha noite de friaxe insoportable na que nin os nosos corpos entrelazados puideron aquecer. Ou foi a fame despois de duras xornadas buscando algo que levar á túa boca e logo á miña, cando caemos rendidos abandonándonos ao destino. Talvez foi a sede tras xornadas de sol abrasador fuxindo que queimou tantos os nosos beizos que nos doeu ata aquel mínimo beixo de despedida. Se cadra foi que quixemos rematar xuntos para sempre naquela noite estrelecida de verán, para así apertarnos docemente por sempre.